martes, 27 de agosto de 2013

Trampa para lobos en tierras de Viana (Ourense, Galicia).

Trampa para lobos en Viana: O Foxo de Picoto de Outeiro.
Idioma: gallego.
Información y texto por cortesía de Juan M. González Carballo.

O Foxo do Lobo de Picoto do Outeiro (Viana do Bolo).

“Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan ás persoas . E isto non é certo. O segredario de Caldas foi comido por iles cando voltaba da feira de Viana”. Así escomenza un dos relatos da obra  “Á lus do candil”  (1953) de Anxel Fole.

É cada vez máis frecuente en Galicia escoitar nos medios de comunicación noticias nas que os gandeiros se queixan das perdas que sofren polo ataque dos lobos. Este animal (Canis lupus, LINN) foi nos climas temperados, e dende tempo inmemorial, un dos máis tenaces competidores do home no aproveitamento dos recursos cinexéticos. Pero é coa aparición da actividade gandeira cando se transforma de competidor en inimigo e como tal será implacablemente perseguido polas comunidades rurais. Os animais domésticos eran presa fácil para os depredadores e donde abundaban incorporáronse de xeito preferente na súa dieta.
A presencia do lobo, que comparte en Europa xunto co escaso oso pardo a cúspide da cadea trófica, é frecuente na metade norte da Península Ibérica; e debeu selo aínda máis en épocas pasadas malia a presión que as comunidades campesiñas exercían sobre o medio natural. Adaptable por naturaleza ás diversas condicións climáticas e orográficas, podémolo atopar aínda hoxe tanto nas estepas interiores como preto da costa, si ben son as áreas montañosas o seu hábitat preferido.
De antigo noméase tamén a presencia nos montes do norte de España de osos e do lobo (lovo) cerval ou cerbal que a xulgar polas descripcións do seu tamaño debeu tratarse dun animal máis semellante ó lince boreal que ó lince ibérico. Non obstante e a pesar do seu nome este gran gato non foi obxecto de caza con foxos pois a súa axilidade e facilidade para saltar e trepar facían imposible a captura con este método e por outra parte os ataques ó gando menor eran ocasionais e non causaban máis dano que as grandes aguias ou os raposos.

Entre os animais “domésticos” que viven no monte somentes as mandas de cabalos e vacas en liberdade conservan aínda o instinto defensivo e adoptan estratexias que fan difícil para os lobos o ataque. Pero esto non ocurre coas cabras, os porcos e moito menos coas ovellas, moi vulnerables se non contan coa protección de pastores e mastís. O gran número de curros e cabanas de pastores que hai nas serras amosan unha actividade gandeira moi desenvolvida e ó mesmo tempo a necesidade de manter o gando menor protexido dos depredadores. Non obstante a abundancia de “alimañas” debeu de chegar a facerse insoportable para os gandeiros e foi necesario tomar medidas de control drásticas que condicionaran de algún xeito a expansión das feras.  

Xa a principios do século XII instase dende a xerarquía eclesiástica no coñecido documento De lupis exagitandis (ca.1112) a que todos os homes participen na persecución dos cánidos depredadores e a preparar trampas (foxos) e sair a batir os animais dañinos tódolos sábados excepto entre Pascua e Pentecostés (In unoquenque sabbato... presbiterio milites rustici.....). Esta actividade volveuse impulsar no século XV polo Arcebispo D. Berenguel de Landoira e continuou con altos e baixos ata o século XX.
Non obstante é difícil a día de hoxe datar as trampas de foxo nunha época concreta. As construccións empregadas para a captura do lobo eran variadas na súa forma: funil, espiral, alvariza, cruz... Tamén nos materias empregados para facelas eran variados: pedra, madeira, redes…. Algunhas eran de tipo pasivo nas que o animal, atraído por un reclamo (un cabrito polo xeral), entraba nunha estructura que permitía o acceso pero non a saída. Outras eran trampas activas nas que se necesitaba mover ós animáis, que asustados e desorientados polos batidores se dirixían cara unha canexa sen saída donde eran capturados e mortos.

A existencia de trampas para lobos debeu ser moi frecuente en Galicia a xulgar pola relativa abundancia do termo “foxo” ou “foio” formando parte dos topónimos de numerosos lugares do país. É ben certo que foxo non se refire exclusivamente ás trampas para lobos pero a existencia de lugares cos evocadores nomes de Foxo do Lobo, Foxo do Cabrito, Fuso do Can, Foilebar, Follobal, Foio Grande, Foio da Galga, Corte dos Lobos, Couso dos Lobos etc... fan sospeitar da existencia de moitas trampas destinadas á captura dos cánidos.

A trampa que nos ocupa nesta ocasión está situada en terras de Viana do Bolo, parroquia de San Andrés de Bembibre, preto do pobo de Ardexarxe, e resulta un dos modelos típicos tanto na súa disposición en cruz e ubicación topográfica como na estructura constructiva. Consta básicamente dun foxo que da nome ó conxunto no que converxen catro muros de pedra formando unha aspa. O lugar está entre os altos de Picoto do Outeiro e Cabeza dos Arnos. Como na maioría das ocasión nas que se da noticia do achado dun “novo” ben patrimonial ou histórico trátase de unha estructura coñecida polos veciños da zona dende tempo inmemorial que foi “redescuberta” de xeito casual mentres revisábamos as estructuras de pedra que se atopan en gran cantidade polos montes e montañas do interior de Ourense.
Como dixemos a estructura conta cun foxo central duns 5 metros de ancho no que converxen catro muros de pedra orientados cara o norte, o sur, o norleste e o suroeste. Estes catro brazos teñen respectivamente 90, 88, 96 e 112 metros. A construcción é semellante á que atopamos baixo o muro do encoro do río Cenza preto de Chaguazoso (Vilariño de Conso) se ben esta última é máis regular pois os brazos son cáseque perpendiculares e notablemente máis curtos e a súa ubicación prantexouse nun lugar de chaira. Polo que respecta á trampa de Picoto do Outeiro ocupa un paso de montaña a uns 1150 metros de altitude e a súa pranta é menos regular con brazos máis longos e sinuosos.
A historia deste tipo de trampas unha vez perdida a súa memoria, pasa en moitos casos pola reconversión de uso ó formar parte das vedacións de propiedades, sufrindo destruccións parciais e chegando a ser moi dificultosa a súa identificación. Non obstante a trampa de Picoto de Outeiro malia estar en desuso dende hai moito tempo, pois xa non se garda memoria nin entre os veciños máis vellos do seu emprego, é perfectamente recoñecible entre o mato e ten o mérito de manter a memoria dunha época na que a relación entre o medio natural e máis a actividade humana era moito máis estreita e ás veces incluso máis conflictiva.

A técnica de caza nestes lugares era sinxela (similar ás actuais batidas e monteirías) si ben precisaba da concurrencia de moitos homes e de certa organización, consistía en “batir” o terreo facendo ruido con voces e paus, levantando os animais dos acobillos e dirixindos cara as trampas situadas en lugares estratéxicos habitualmente pasos naturais. Cando os animais  entraban na trampa e a medida que se achegaban ós foxos as posibilidades de fuxida reducíanse, de xeito que unha vez atrapadas entre os muros as feras somentes tiñan dúas alternativas: continuar cara o foxo ou enfrentarse os batidores. A intelixencia dos  cánidos facía que avanzasen pegados òs muros buscando unha fenda para poder fuxir, fenda que naturalmente non existía pois a reparación das trampas era continua. A altura dos muros de preto de dous metros que ademáis adoitaban estar “capiados” con lousas ou con toxos bravos para impedir que os animais subisen por eles facía moi improbable a fuxida.  Unha vez nos foxos os lobos eran rematados polos cazadores “profesionais”. As armas eran preferiblemente de asta, sendo o “chuzo” (unha lanza curta con cruceta  para impedir que se clavase fondo) a “foucegata” (unha fouce aberta con longo mango) e a “bisarma” (mestura de fouce e lanza) as máis empregadas, si ben en non poucas ocasións se mataban con ferramentas de labor: forcas e sachos ou simplemente a paus. A xeralización das armas de fogo non rematou co costume de batirse co lobo a curta distancia sendo unha mostra de valor entre os homes.
                           


Estas xornadas cinexéticas adoitaban rematar coa exhibición dos animais polos pobos para reclamar premio ou remuneración dos cazadores por parte dos veciños que así recoñecian a destreza dos monteiros. Era común que nas comarcas gandeiras existisen recompensas pola morte dun lobo ou pola captura dunha camada.
Actualmente as medidas de protección dos espacios naturais xunto cunha estricta regulación cinexética deixaron en desuso estos métodos ancestrais de control dos depredadores. Non obstante a proliferación da fauna salvaxe nos últimos anos con gravosas consecuencias para agricultores e gandeiros trae ó recordo outras épocas nas que as trampas de lobos cumprían unha importante labor á comunidade. Hoxe algunhas destas trampas foron recuperadas e reintegradas ás tradicións populares como parte do patrimonio etnográfico e arqueolóxico de Galicia, si ben outras moitas permanecen ocultas nas serras á espera, neste caso non de feras senón de tarefas de divulgación e coñecemento.



A caza mediante a técnica antes descrita é moi elemental e ten lonxanos e remotos antecedentes nos coñecidos como kill–sites  (“matadoiros”) empregados polos cazadores paleolíticos, exemplos tradicionais moi citados son o lugar de Crôt du Charnier (Francia) ou o controvertido de Torralba (España) que serían trampas de caída. Outros exemplos moi coñecidos e moito máis recentes (s. XII-XIV) témolos nos xacementos de Garnsey (Novo México), Boarding School en Montana (USA) e o de Gull Lake en Saskatchewan (Canadá) .
As trampas con valos e foxos parece que foron unha práctica cinexética frecuente entre os cazadores prehistóricos e aínda a principios do século XX o militar e famoso explorador ruso Vladímir Arséniev describe estructuras combinadas de valos de madeira e foxos (ludevas) estratéxicamente instaladas que acadaban ás veces varios kilómetros de extensión e empregadas entre os cazadores siberianos.
Todas estas trampas teñen en común o seu carácter aleatorio e pouco selectivo tanto nas especies como na idade dos individuos cazados, pondo en entredito a suposta “conciencia ecolóxica” dos cazadores no pasado.

Juan Manuel González de Carballo
Arqueólogo

No hay comentarios: